Acceso ó proxecto



Inicio PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Administrator   
Xoves, 13 Xaneiro 2011 12:27

 

A facilidade de emprego de aplicacións e sistemas baseados en TIC é unha característica crítica para o seu éxito, no sentido amplo da palabra. É necesario que o usuario non se vexa superado por dificultades na interacción co sistema que sexan totalmente alleas á finalidade para a que se deseñou; evitando así excluír a potenciais beneficiarios do seu emprego. Facer da interacción coas máquinas baseadas nas novas tecnoloxías, unha experiencia agradable, intuitiva e motivadora, é unha das principais motivacións do proxecto que aquí se presenta.

A usabilidade é a facilidade con que as persoas poden utilizar unha ferramenta particular ou calquera outro obxecto fabricado por humanos co fin de alcanzar un obxectivo concreto. En interacción persoa-ordenador, refírese á claridade e a intuitividade con que se deseña a interacción cunha aplicación.

Actualmente, a tecnoloxía estase a converter nunha ferramenta imprescindible para as persoas con diversidade funcional, posto que lles permite desenvolver tarefas que antes non podían realizar, pasando a formar parte dos seus máis fieis usuarios. Non obstante, a propia tecnoloxía está a levantar barreiras que impiden o uso desta a aquelas persoas que teñen algunha limitación física, psíquica ou sensorial, afectando desta maneira a plena integración social da persoa. Deste xeito, a miúdo a propia tecnoloxía é parte do problema e non da solución, polo que é indispensable crear novos sistemas nos que a tecnoloxía se adapte ás aplicacións e ao usuario, e non á inversa, onde son os propios usuarios os que realizan o esforzo de adaptación á tecnoloxía para poder facer uso dela.

Ata o momento os avances tecnolóxicos esixiron modificacións de produto para que este fose utilizable por persoas con diversidade funcional, pero esta idea está a cambiar, debemos de facer unha tecnoloxía adaptable na que a interacción entre o home e a máquina dispoña dunha accesibilidade integrada, interoperable, multimodal e ubicua, capaz de establecer una correcta comunicación entre as persoas con necesidades especiais e o seu entorno tecnolóxico.

Wireless Galicia, líder do grupo de traballo TIC-Saúde da plataforma Vindeira, en acción conxunta con dous dos seus membros, o grupo ATIS do CHUAC e co centro tecnolóxico Gradiant, foi paso a paso abordando o estudo de melloras no ámbito da telemedicina desde o 2006. O pasado ano, co proxecto wITelligence definíronse as especificacións HW e SW para o deseño da arquitectura dun dispositivo orientado a estender os servizos sanitarios cara o fogar dixital.

Este dispositivo permite centralizar a telemonitorización médica sendo soporte lóxico e físico de servizos dedicados aplicados sobre o sistema. Para que os usuarios poidan interactuar con este dispositivo central se deseña unha interface caracterizada pola súa intuitividade, sinxeleza e adaptabilidade para a interacción persoa-máquina, atendendo con especial énfase na súa característica multimodal: as vías de comunicación alternativas aptas para apoiar o emprego do sistema por parte de usuarios con diversidade funcional.

Debido ás amplas diferenzas (de patoloxía, discapacidades, proximidade á tecnoloxía...) entre os pacientes obxectivo dos sistemas de eMedicina, considérase imprescindible a definición de interfaces personalizables, en termos de eAcesibilidade, dependendo do perfil de usuario e do ámbito tecnolóxico asociado. Isto leva a unha idea que cambia os paradigmas da interacción home maquina: “Non nos temos que adaptar a máquina, máquina tense que adaptar a nós”. Polo tanto, unha interface intelixente pódese concibir como un intermediario que minimiza esa distancia cognitiva que hai entre a persoa e o computador.

O coñecemento previo dos factores humanos, a usabilidade, a accesibilidade e metodoloxías de deseño orientado a metas e centrado no usuario, así como metodoloxías de avaliación, débense ter moi en conta como punto de partida para lograr a naturalización dos interfaces.

Con todo isto acádase un importante avance no ámbito da accesibilidade para persoas con diversidade funcional derribando as barreiras intrínsecas das TIC que as axudarán a mellorar notablemente a súa calidade de vida. Ao mesmo tempo a usabilidade e intuitividade no emprego característico deste modelo de interfaces facilitan o emprego do público en xeral exento das citadas dificultades físicas, psíquicas ou sensorias.

NOTA: Para a consecución desde proxecto terase en conta, entre outros, o comunicado da Comisión Europea ao Consello, ao Parlamento Europeo ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións - “A accesibilidade electrónica” [SEC(2005) 1095] que propón un conxunto de iniciativas políticas para o fomento da accesibilidade electrónica.